Seguen as baixas temperaturas en dez comunidades, dúas en alerta vermella
Dez comunidades afectadas polo temporal seguen traballando arreo para volver á normalidade. Pero a tarefa non é doada en lugares onde as mínimas acadan aínda os 15 graos baixo cero. O frío persiste e segue complicando a vida cotiá, especialmente en certas áreas de Aragón e Castela-A Mancha. Por cuarto día consecutivo, as brigadas do Exército pican neve xeada nas rúas de Toledo para facer carreiros de paso máis seguros. Ao seu traballo súmase o dos veciños, que logo botan o sal que reparte o Concello.
Pola noite, os efectivos militares despregados nas comunidades afectadas traballaron en vías de comunicación e servizos esenciais coma este polígono industrial de Azuqueca de Henares, en Guadalaxara, no que hai varias naves de distribución de supermercados aínda inaccesibles para os camións de repartimento.
A Garda Civil tamén tivo traballo intenso. Desde onte fixo 128 operacións de auxilio para atender máis de 900 persoas. Para poder circular sen tanta complicación aínda haberá que agardar. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, esta será a última xornada con niveis de aviso vermello con temperaturas mínimas, de entre menos 12º e menos 15º graos. A vaga de frío rematará tecnicamente, din, entre hoxe e mañá, pero avisan de que se seguirán rexistrando valores moi baixos alomenos ata mediados da semana que vén.