Seguen aparecendo peixes mortos no Mar Menor
A situación mellora no Mar Menor, onde o sábado apareceron milleiros de peixes mortos. Malia todo, autoridades e expertos advirten de que pode haber outra mortandade masiva en calquera momento. Científicos e ecoloxistas sinalan as verteduras como causa do desastre.
Segue morrendo o peixe e o marisco no Mar Menor, en Murcia, a maior lagoa de auga salgada de Europa. Despois de que o sábado apareceran toneladas de peixes mortos ou moribundos no fondo e nas ribeiras, axentes de medio ambiente continúan a recoller hoxe ducias de cadáveres.
"Todo tipo de peixe, sobre todo por esta zona do Bagan estivemos recollendo todo, todo o peixe", di un traballador de Medio Ambiente.
"O sábado bañeime ás once da maña e ás doce estaba todo isto cheo de peixe. Foi de golpe", lembra un veciño.
"Ese cheiro que chega ata alá arriba, ata as rúas, un cheiro malísimo", din unha veciña.
Científicos e ecoloxistas advertiron hai tempo de que os fertilizantes de explotacións agricolas intensivas e a gran cantidade de augas residuais procedentes dun urbanismo masivo ían afogar o Mar Menor. As verteduras xeraron un exceso de algas que deixaron sen oxíxeno a auga e asfixiou a vida mariña. Malia que a situación mellorou desde o sábado, administración e expertos advirten de que pode producirse outra mortaldade similar en calquera momento.