Seguen á alza os casos en Pontevedra, coa maior incidencia das sete cidades
Ademais da evolución das residencias, os núcleos urbanos son os que máis preocupan. De entre as sete cidades galegas, Pontevedra leva dende o día 10 de setembro con restricións e aínda así, non baixan os contaxios.
Con 334 casos activos, polo momento as medidas aplicadas na cidade do Lérez non dan o resultado esperado.
Algúns pensan que é difícil cambiar os costumes. Para outros, detrás da alza do nivel de contaxios están os comportamentos irrresponsables.
Fronte á relaxación das medidas nalgúns concellos, Pontevedra está na outra cara da moeda, algo que preocupa pola proximidade das festas de Nadal.
O comité clínico mantén unha vixilancia especial no municipio.
Con 350 casos por cada 100.000 habitantes, Pontevedra é a única das sete grandes cidades galegas en que non se está reducindo a incidencia do virus coas restricións.