CRTVG

Buscar

A incidencia sobre na comarca de Bergantiños: Carballo xa está en 165 casos por cen mil

Publicado o 04/05/2021 15:04

"A verdade é que non estou moi informada. Estou un pouco desconectada de todo porque se non chega un momento que te saturas coa xente todo o día falando do mesmo", comenta unha camareira.

Algúns prefiren xa facer oídos xordos. Nas outras tres vagas levaron tan mal o de estar pechados que non queren nin oír falar de que esa posibilidade exista.

"Non, que non volva pasar, porque iso si que nos afecta, pero ben, penso que está subindo, pero tampouco non para alarmarse, creo", fala ​Mar Lema, que rexenta unha tenda de alimentación que ten 59 anos de antigüidade.

"A ver, estamos en cincuenta e algo, creo. Se non seguen subindo e van vacinando cada vez máis",  fala ​Isabel Rey, comerciante.

"Medo temos, esperemos que non, non por nós, que nós pechámonos na casa e todo queda resolto, pero temos fillos que están traballando na hostalería e nestes momentos están pendentes dun fío", confesa un veciño.

Carballo está dende o venres con restricións de tipo medio, xusto ás portas dunha fin de semana, a do Día da Nai, en que houbo moito movemento.

"Ao ter limitadas as mesas moita xente marchaba porque non había sitio para sentar, e é normal, dentro temos menos ocupación, pero polo menos estivo bo tempo e puidemos traballar a terraza", informa Jerónima Martínez, camareira.

"Eu teño a esperanza de que non suba tanto desta volta. Penso que a xente está seguindo bastante ben as normas e tendo bastante máis coidado e eu son optimista nese sentido, espero que non cheguemos a eses niveis, non", comenta ​Susana Suárez, a propietaria nunha tenda de alimentación.