CRTVG

Buscar

No aire a alcaldía de Ourense cando faltan menos de 24 horas para a constitución da corporación

Publicado o 14/06/2019 16:54

A alcaldía de Ourense segue no aire cando faltan menos de 24 horas para a constitución da corporación. O presidente provincial do PP aseguraba esta mañá que a posición do seu partido está definida, pero non concreta cal é: "Teno absolutamente definido, o que pasa é que non é o momento de dicilo".

Manuel Baltar segue apostando por gobernos de coalición en ambas as institucións. A chave no Concello é Democracia Ourensana, pero Baltar volve colocar sobre a mesa das negociacións a Ciudadanos, que esta mañá desconvocaba no último momento unha comparecencia ante os medios de comunicación.

"Ben, ou Ciudadanos tamén, por iso eu veño con esta chaqueta laranxa", comentaba Manuel Baltar.

O Partido Socialista rexeitou facer declaracións porque, din, as negociacións seguen abertas. Trascendeu que na xuntanza que tiveron onte os 9 edís electos, a maioría mostrouse contraria a darlle a alcaldía a Jácome. Este tampouco quixo falar hoxe, pero publicou en Twitter unha simbólica fumata negra. E o cabeza de lista do PP e alcalde en funcións, tampouco dá nada por pechado: "Se se chega a un acordo, hai que asinalo, un acordo de compromiso, así que de momento as posibilidades de momento seguen todas abertas".

O que suceda mañá, adianta Baltar, será unha pista do que vai pasar na Deputación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/06/2019