CRTVG

Buscar

O incendio de Ribas de Sil, o peor do ano, queimou xa máis de mil hectáreas

Publicado o 07/09/2021 13:55

• O lume afecta tamén os concellos da Pobra do Brollón e Quiroga

• Agardan que a chuvia axude a controlar o incendio

• Feijóo pide colaboración cidadá para dar cos incendiarios

Continúa activo o incendio que afecta Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón, que supera as mil hectáreas queimadas. Segue o nivel de alerta dous por existir perigo para as casas que están preto do lume. "Horroroso, comezou por aquí polo outro lado, por todos os sitios había", relata unha veciña. "Medo, porque plantou aquí ao lado e moito medo e bágoas, ganas de chorar, porque isto é inconcibible", conta outro.

"Temos o incendio delimitado, non estabilizado nin controlado, con flancos, cabeza e cola razoablemente estabilizado, pero con tramos aínda activos que cómpre estabilizar para poder dalo por controlado", explica Manuel Rodríguez, director xeral da Defensa do Monte.

Medios aéreos e terrestres volveron traballar para atallar as lapas que se estenden no sur de Lugo. A zona é moi abrupta, e iso dificulta a extinción, ademais da calor e a sequidade do ambiente. Canto ao vento, a previsión é que aumente ao longo do día. Por iso, a mañá foi unha loita contra o reloxo para frear o avance do incendio. Incorporouse aos traballos de extinción a Unidade Militar de Emerxencia, con 116 efectivos e 41 vehículos que se viñeron sumar a cinco técnicos, 16 axentes, 30 brigadas, 26 motobombas, catro pas, oito avións e 14 helicópteros. "O primeiro que se fixo foi atacar o flanco este, con motobombas, con auga e tamén defendendo algunhas aldeas que estaban comprometidas e estivemos protexéndoas. Parece que nestes intres evoluciona favorablemente, a ver se acompaña o tempo e nos pode dar unha alegría e dar por controlado canto antes o incendio", relata Adrián Vive Reino, xefe do subgrupo Táctico 53 da UME.

Segundo as primeiras investigacións o incendio foi intencionado, xa que houbo varios focos que prenderon ao mesmo tempo, a pouca distancia un do outro, cando as condicións ambientais eran as máis favorables para o lume. "Estamos á espera de facer un recoñecemento cun helicóptero da UME para ver como está a situación agora, aínda que esta noite tiveron un pouco de dificultade para apartalo das casas", afirmaba Marisol Rodríguez López, subdelegada do Goberno en Lugo.

Durante a noite, os servizos de extinción non deron controlado o lume debido á súa grande extensión, malia teren medios suficientes. Centráronse sobre todo en atender as vilas para salvar as casas e que non houbese perigo para a xente. A tarefa viuse complicada ao quedaren sen comunicación para coordinarse porque arderon os repetidores.

Noticias web

07/09/2021