CRTVG

Buscar

Segue activo en Monterrei o incendio máis grande deste verán en Galicia

Publicado o 26/07/2020 13:50

Extinguidos xa os incendios de Verín e de Viana do Bolo

Segue activo o incendio forestal de Monterrei, o máis grande dos que se teñen producido en Galicia no que vai de temporada. Segundo as estimacións provisionais de Medio Rural o lume afecta máis de 450 hectáreas. Os de Verín e os de Viana do Bolo xa quedaron extinguidos. Unha semana tráxica para o monte na provincia de Ourense. Só nestes tres incendios queimáronse máis de 800 hectáreas. Medio Rural apunta a que todos foron provocados.   

Esta é a paisaxe que deixa o incendio forestal de Monterrei o de maior superficie queimada este verán en Galicia. Unha fronte de máis de 3 quilómetros que ameazou as casas da aldea de A Salgueira, e cercou Flariz, Medeiros e A Caridade.

Un amplo despregamento de medios aéreos e terrestres apoiados pola UME tratan de controlar desde o venres o lume. Un incendio que Medio Rural apunta que foi intencionado e que se está a investigar.

Un monstro avivado polo vento, así o cualificaron os bombeiros forestais da brigada forestal de Laza A comarca de Monterrei é cada verán unha das máis castigadas polos incendios, agora toca avaliar os danos: nos soutos, nos viñedos, nas colmeas e nun invernadoiro cheo de tomates para vender.

Xa quedaron extinguidos os incendios de Verín onde arderon 144 hectáreas na parroquia de Queirugás e o de Viana do Bolo que se iniciou o xoves en cinco focos diferentes e que arrasou unhas 210 hectáreas nunha zona de alto valor ecolóxico. Só entre estes tres lumes calcinaron máis de 800 hectáreas en tres días na na provincia de Ourense.

Noticias web

26/07/2020