CRTVG

Buscar

Segue activo o incendio de Lobios que leva queimadas 420 hectáreas no Xurés

Publicado o 11/08/2020 08:41
Segue activo o incendio de Lobios que leva queimadas 420 hectáreas no Xurés

O Xurés arde sen descanso desde hai tres días. As brigadas antiincendios non dan controlado o lume no concello de Lobios, onde o pasado sábado se esnafrou unha aeronave portuguesa que participaba nos traballos.

O lume leva arrasadas xa unhas 420 hectáreas. A seca, o vento e o complicado da orografía da zona dificultan os traballos de extinción. Din os veciños da parroquia de Manín que o incendio estivo a piques de chegar ás casas.

Segundo as investigacións, o incendio entrou desde a parte portuguesa, onde o lume segue avanzando con virulencia. O país veciño pediu a axuda dos medios galegos para poder controlalo.

Este luns as brigadas contra o lume tiveron que intervir tamén nun incendio en Laza, na parroquia de Camba, e noutro en Muíños que quedou extinguido. Segundo informa a consellería de Medio Rural, están extinguidos outros tres incendios nos concellos de Muíños, Toén e Chandrexa de Queixa. O de Moreiras (Toén) queimou 220 hectáreas. Tamén extinguido o de San Xés, vilariño, Lobeira. En total suman máis de 700 hectáreas queimadas na provincia de Ourense nos últimos cinco días.
 

Noticias web

11/08/2020