CRTVG

Buscar

Segue a reiteración de ataques de lobo ao gando en Abadín

Publicado o 18/03/2019 17:09

Novo ataque do lobo no concello lugués de Abadín. Nas últimas semanas van varios e os gandeiros xa non saben que facer.

Esta vaca e a súa cría acabada de nacer son as derradeiras vítimas dos ataques do lobo no concello de Abadín. O ataque produciuse en plena mañá e xusto cando o animal estaba a dar a luz. Con estas dúas baixas, son xa catro os exemplares que matou o lobo na mesma gandería en tan só quince días. En total, as perdas económicas rondan os 5.000 euros. Aínda que o prado onde pacen as vacas todo o ano ten un peche perimetral de arame de espiño, non foi suficiente para impedir que o lobo puidera entrar. O dono das vacas di que viu un só exemplar, pero cre que pola zona pode andar unha manda enteira.

No que vai de mes, os ataques nas explotacións de vacún de Abadín son case diarios. O lobo ten moito monte para se acubillar e pode desprazarse con facilidade dunhas parroquias a outras. Ademais, as eguas de monte aínda non pariron e os lobos vense privados dos poldros, que son o seu principal alimento nesta zona, polo que acaban atacando as vacas e causando importantes perdas. Por iso, dende as comunidades de montes de Abadín e os tecores xa solicitaron que se autoricen batidas de caza do lobo para que non siga causando perdas aos gandeiros.

Os gandeiros afectados polo lobo reclaman tamén poder cobrar de forma rápida as indemnizacións que lles corresponden polos animais que lles mata.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/03/2019