CRTVG

Buscar

Segue a confusión sobre o confinamento en Lleida mentres Zaragoza e Huesca volven á fase 2 flexibilizada

Publicado o 13/07/2020 21:50

A Generalitat non acepta o auto da xuíza de garda que rexeitou a orde de confinamento para a cidade de Lleida e outros sete concellos da comarca do Segrià. A maxistrada considera que este confinamento afecta a dereitos fundamentais e que é unha competencia estatal, mentres Torra busca esquivalo cun decreto lei.

Seis concellos de Segriá xa se desmarcaron da decisión do Govern e, polo momento, non aplicarán esta medida. Os expertos sanitarios lembran que hai outras medidas de control, non tan rápidas pero igual de suficientes, como a regulación de horarios, a limitación de capacidade ou o control dos grupos de persoas en xuntanzas, lembrou Fernando Simón desde o Centro de Coordinación de Emerxencias Sanitarias.

Zaragoza e Huesca, retroceden á fase 2 da desescalada, pero dun xeito flexibilizado. A medida imponse tras o aumento de casos detectados, cunha tendencia que se prevé á alza nos vindeiros días. Ademais, as catro comarcas centrais que tiveron que pasar á fase 2 o pasado 22 de xuño entran nesta mesma etapa flexible.

En total, permanecen activos 120 brotes en todo o país, espallados por unhas 15 provincias. Un dos últimos brotes deuse nun campamento de verán na localidade soriana de Salduero, que deixa illados 20 menores e varios monitores.

Ademais, outras catro comunidades, Aragón, Andalucía, Murcia e A Rioxa, aprobaron o uso obrigatorio da máscara en todos os espazos públicos aínda que se cumpra a distancia de seguridade.

Noticias web

13/07/2020