CRTVG

Buscar

Segue a busca dos máis de 300 desaparecidos na localidade brasileira de Brumadinho

Publicado o 28/01/2019 13:56

Na localidade brasileira de Brumadinho segue a busca dos máis de 300 desaparecidos que deixou a rotura dunha balsa de residuos mineiros. Os mortos son case sesenta, pero as autoridades temen que poidan ser moitos máis.

Os equipos de rescate buscan baixo a lama as vítimas da rotura do dique de contención da balsa, que contiña doce millóns de metros cúbicos de residuos mineiros.

Nas últimas horas atoparon un autobús sepultado, aínda que as autoridades non informaron de canta xente podía ía nel.

A avalancha levou por diante tamén ducias de vivendas dos arredores da explotación de Brumadinho, unha localidade duns 40.000 habitantes do estado de Minas Gerais.

Os datos oficiais elevaron a preto de sesenta o número de vítimas mortais e os desaparecidos son xa máis de 300.

As críticas aumentan contra Vale, a maior empresa mineira do país e propietaria da explotación de Brumadinho e doutra mina localizada a uns cen quilómetros desta que xa sufrira unha rotura semellante no 2015.

Un equipo de 136 militares israelís chegou esta noite ao Brasil para colaborar nos labores de rescate e o novo Goberno brasileiro anuncia unha revision urxente das balsas de residuos que presenten problemas de estabilidade e que son máis de 20 só no estado de Minas Gerais.

 

Noticias web

28/01/2019