CRTVG

Buscar

Segue a busca do bebé guindado polo pai ao río Besós

Publicado o 27/09/2019 14:01

Esta mañá retomouse a busca do bebé que o martes pasado foi guindado polo seu pai, de 16 anos, ao río Besós. A nai, tamén de 16 anos, lograra ocultar o embarazo á familia. O mozo permanece internado en réxime pechado e a fiscalía cre que os feitos constitúen un delito de asasinato. 

Unidades dos Mossos, dos bombeiros, da Policía Local de Barcelona, Garda Civil e Salvamento Marítimo regresaron ás oito desta mañá ao río Besós e á súa desembocadura para tratar de dar co bebé que segue sen aparecer desde o martes pasado.

Foi ese día cando o pai, de 16 anos, botouno ao río despois de que a nai, tamén de dezaseis anos, dera a luz no cuarto dun hotel na estrada de Collblanc, un dos barrios de L´Hospitalet de Llobregart.

Segundo as primeiras investigacions, o mozo quixo enterrar o bebé que levaba nunha maleta pero ao verse sorprendido por algún veciño optou por tiralo ao río.

O mozo, presionado polos seus pais, entregouse despois na comisaría e confesou os feitos. A nai, que logrou ocultar o embarazo á familia, foi ingresada nun hospital.

Tras as primeiras horas de busca, os mosos atoparon a maleta con roupa manchada de sangue, pero nin rastro do bebé.

O xuíz do Tribunal de Menores decidiu o internamento do rapaz en réxime pechado. A fiscalía considera que os feitos constitúen un delito de asasinato.

 

Noticias web

27/09/2019