Segue a busca da muller desaparecida en Valencia tras unha cita pola Rede
Segue a busca da muller valenciana, de 25 anos, que desapareceu o pasado día 7 despois de citarse cun home pola Rede. O coche deste, que está fuxido, atopouno a Garda Civil cando ía ser despezado.
Marta Calvo desapareceu na localidade valenciana de Manuel, desde onde enviou por última vez unha mensaxe á súa nai coa súa localización.
Era o sete de novembro e desde entón non se volveu saber dela.
Ao non responder ás súas chamadas, a nai decidiu presentarse na casa que lle marcaba o localizador, pero o home que vivía nela díxolle que non coñecía de nada a súa filla.
O inquilino da vivenda marchou pouco despois e non se volveu saber del. É un home colombiano con antecedentes por narcotráfico que está a ser buscado pola policía.
O seu coche atopouno a Garda Civil nunha nave, completamente limpo e a piques de ser despezado.
Axentes especializados en homicidios e secuestros incorporáronse á busca de probas e chegaron ata esta pequena localidade de Manuel, onde viven pouco máis de 2.500 persoas.
A Garda Civil buscaba esta mañá nunha zona en que están localizados varios depósitos de auga.