CRTVG

Buscar

Falece unha persoa por covid nunha xornada en que Galicia baixa dos 1.300 casos

Publicado o 20/06/2021 20:33

• Descenden os positivos diarios nunha vintena: son 75

 

O Sergas notificou nas últimas horas o falecemento dunha persoa diagnosticada con covid−19. Era un home de 100 anos ingresado no hospital da Coruña, que morría o día 19. A cifra de mortos como consecuencia da pandemia en Galicia sitúase en 2.444 persoas.

Os indicadores da incidencia da covid−19 en Galicia seguen a amosar unha tendencia á baixa. As infeccións activas, con datos das 18 horas do sábado, son 1.270, cunha diminución de 32 persoas nas últimas 24 horas.

Os enfermos que precisan tratamento hospitalario son 60, un menos que a xornada anterior. Hai os mesmos pacientes en planta, 45, pero queda un menos ingresado nas UCI.

Os positivos detectados nas diferentes probas diminúen nas últimas horas e son 75 os contaxiados, 19 menos que 24 horas antes. Neste caso, a peor evolución está na área da Coruña, onde soben os contaxios diarios.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións activas soben só na Coruña, nunha vintena (+23), estabilízanse en Ferrol e rexístranse baixadas no resto de Galicia. Cun enfermo en UCI seguen os hospitais de Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago, e con dous os de Vigo e Ferrol, mentres os da Coruña teñen sete pacientes nas unidades de agudos.

A Coruña: 434

Ferrol: 101

Lugo: 154

Ourense: 142

Pontevedra: 118

Santiago: 110

Vigo: 211