CRTVG

Buscar

Segue a afluencia de peregrinos en setembro, só este domingo recolleron o certificado máis de 1.400 camiñantes

Publicado o 23/09/2019 15:04

A afluencia de peregrinos a Santiago segue a ser intensa neste mes de setembro, agora xa en tempo de outono. Este domingo recolleron o certificado máis de 1.400 camiñantes.

Os camiños a Santiago seguen animados, especialmente o francés que nas primeiras horas do outono estaba ben concorrido no tramo compostelán.

Cada mes ten o seu tipo de peregrinos e neste setembro, ao que lle quedan aínda oito días, semella que están a chegar máis que en anos precedentes.

"Comentaban que había máis xente do que agardaban os albergues. Pero, estábase ben, non masificado", di un peregrino.

Outro afirma: "Elixo setembro "porque hai menos xente que no verán. Non está tan masificado".

Tamén encontramos quen o fai por tramos e sempre en setembro.

"Levo unha semana polo Camiño do norte. Vou aproveitando as vacacións para facelo por etapas duns dez días máis ou menos. Procuro evitar xullo e agosto pola masificación".

Outros cóntanos que proceden de Alemaña e din, coma todos, que están encantados co que levan percorrido e a emoción que senten.

E tamén felices coa experiencia que están a vivir, outras destacan o poderío gastronómico da ruta.

"Comemos!.- Imos gordos como pelotas. Cando cheguemos á casa estaremos a base de acelgas. Superbén".

"Chegamos hoxe e seguiremos ata Fisterra. Imos dar unha boa homenaxe de marisco. Vimos de Estremadura e algún xa fixo máis veces o Camiño".

O último rexistro diario, de onte domingo, indica que recolleron a compostela 1.421 peregrinos.

Noticias web

23/09/2019