CRTVG

Buscar

Seedorf trata de transmitir a súa filosofía desde o primeiro día

Publicado o 06/02/2018 15:14

 

Expectación en Abegondo para ver a Clarence Seedorf.

O holandés iniciou a súa etapa como adestrador do Deportivo. Falando con xogadores, corrixindo, tratando de impor a súa filosofía desde o primeiro día. A presenza de Seedorf provocou que máis de douscentos afeccionados coincidiran na cidade futbolística do Deportivo. Seedorf asinou ata o final de temporada. O obxectivo é moi sinxelo. Manter o Deportivo na Primeira División. Ten dezaseis partidos para facelo.

Chega Seedorf, dixo, coas ideas claras. Pero con poucas ganas, habería que engadir, de comprometerse de partida máis aló dunha declaración de principios.

O ex do Madrid, Milán ou Ajax chega á Coruña nunha hora difícil para o deportivismo, disposto a aproveitar a oportunidade e priorizando un obxectivo. 

Seedorf confía no grupo pero deixa caer un sibilino aviso para navegantes a propósito de compromisos, esforzos, competencias e mesmo exemplos dos que tomar nota.

De eterno sorriso e trato afable, o home que se gañou ao madridismo por entrega e liderado aterra en Riazor coa grandeza daquel outro Clarence, Clemons, o eterno saxo de Bruce Springsteen, disposto como aquel a dar agora a mellor nota en cada concerto dos dezaseis decisivos que lle quedan ao Dépor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2018