Seaga limpará os terreos abandonados que estean preto de núcleos urbanos
A empresa pública Seaga empezará dentro dun mes a limpar os terreos abandonados que estean preto dos núcleos de poboación. Así se recolle no convenio que asinaron hoxe a Xunta e os concellos, que permitirá desbrozar 16.000 hectáreas de monte nos próximos catro anos.
Galicia será a primeira comunidade de España en crear un sistema público para a xestión da biomasa forestal. Unha iniciativa que segundo a Xunta non ten precedentes en toda Europa, e que permitirá manter limpos os terreos abandonados que estean preto dos núcleos de poboación.
A limpeza farase a través da empresa pública Seaga, que empezará a traballar no prazo dun mes co obxectivo de limpar en catro anos 16.000 hectáreas de monte.
O convenio entre a Xunta e a Fegamp asinouse este xoves. A partir de agora os concellos deberán adherirse ao sistema, e daraselles prioridade aos que estean en zonas de especial risco de incendios.
Ademais, tamén poderán solicitar o servizo os propietarios de montes particulares próximos ás casas, que teñen a obriga de mantelos limpos. Seaga limparalles as fincas pagando unha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea.
A Xunta destinará 28 millóns de euros ata 2021 para sufragar este sistema público de limpeza dos montes.