CRTVG

Buscar

Se non podes levar flores e coidar das lápidas xa hai quen se encarga de facelo

Publicado o 01/11/2019 11:06

Silleda. Cemiterio de Santa María de Cortegada. Entre todos os que acoden para cumprir coa tradición atopamos tamén quen acode para cumprir polos que non poden cumprir. "Esta persoa traballa para nós e nos picos de traballo vén e nos axuda, e nos limpa e tamén nos axuda a colocar", di Juan Carlos Morcillo, de Flor e vida. Traballan nunha empresa nova que ofrece un servizo inédito. "Para xente que non poida ornamentar as tumbas dos seus seres queridos pola distancia, por problemas de mobilidade, etcétera, pois facémolo nós por eles".

Limpan, acondicionan, ornamentan. De nichos a sepulturas e a monumentos. De camposanto a camposanto. "Actualmente traballamos en Madrid, que é onde vivo eu, e en Galicia, na provincia de León e en Toledo porque nos saíron traballos alí".

Seguimos en Silleda. Cemiterio de Laro. Nova encarga para esta empresa posta en marcha en setembro por este fillo de emigrantes con clientes emigrantes. "Poden ser galegos que viven en México, nos Estados Unidos, en Centroeuropa, e que en momentos puntuais non poden vir opu queren ter un mantemento anual".

E, para mantemento, tamén o do planeta. Cren que hai demasiado plástico nos cemiterios. "Cambiamos o plástico polo produto seco."

Preguntamos ás portas do camposanto se contratarían este servizo. "Se eu non puidese vir ou alguén da miña familia non puidese vir, si". E, finalmente, enviarlle ao cliente a foto da lápida adornada a distancia.

Noticias web

01/11/2019