CRTVG

Buscar

Bos días

Scioli gaña pola mínima pero Macri sitúase como favorito para a segunda volta

Publicado o 26/10/2015 09:12

O resultado das eleccións arxentinas convértese nun pau á presidenta Cristina Fernández. O candidato oficialista, Daniel Scioli, só logra avantaxar en dous puntos o seu rival. Agora o conservador Mauricio Macri sitúase como favorito para a segunda volta. Se ganase, o peronismo oficial quedaría derrotado despois de 12 anos de goberno.

Axustadísima loita pola presidencia da Arxentina entre o candidato da Fronte para a Vitoria, Daniel Scioli, e o opositor por Cambiemos, Mauricio Macri.

Na xornada electoral deste domingo, ningún obtivo a porcentaxe precisa para chegar á presidencia do país, o que obriga a unha nova cita coas urnas en novembro.

No seu discurso, Scioli apelou ao voto dos indecisos en que parecía ser un recoñecemento velado dunha segunda volta.

"Pídolles que nos sigan acompañando e a quen antes elixiron outra proposta eu convócoos moi especialmente porque chegou o día en que para un arxentino non hai nada mellor ca outro arxentino", dixo Daniel Scioli, o candidato da Fronte para a Vitoria

Macri, candidato de Cambiemos, foi máis contundente. "Hoxe, o que sucedeu no día de hoxe cambia a política deste país".

Pero a xornada electoral non estivo exenta de polémica, pois os primeiros datos oficiais non se publicaron ata 6 horas despois do peche dos colexios electorais, 'a priori', por decisión do Goberno.

En espera dos resultados definitivos que promulgará a Xunta Electoral en 10 días, o escrutinio xa evidencia un logro sen precedentes. Por primeira vez na historia da democracia arxentina haberá segunda volta nunhas eleccións presidenciais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

26/10/2015