Óscar García propón na Radio Galega unha estatua para Aspas
Óscar García prepara o partido do venres contra o Elxe, que cheira a ultimato. Pero ao adestrador non lle consta. Di que ninguén do club falou con el tras a derrota coa Real Sociedade.
"Ninguén do club me comentou nada diso. Pero sei que moitas veces o adestrador é o último en sabelo".
Esta semana fai un ano da súa chegada ao Celta. Admite que hai cousas do club que non lle gustan, e máis nestas circunstancias.
"Intereses creados e filtracións".
Ao final da temporada pasada non podía imaxinar o pobre mercado de fichaxes.
"Se mo din entón, non o creo"
Recoñece que o equipo non está ben.
"Este non é o noso mellor momento, pero xa xogamos contra o Madrid, o Barcelona, o Atlético, a Real Sociedade".
Importa moito o estado de ánimo de Iago Aspas, que publicou esta foto en Instagram acompañada da frase "Tocado si, afundido nunca".
"Hai que facerlle unha estatua en Balaídos".
Óscar García non deixa de poñelo como exemplo mentres bota un pulso con Hugo Mallo. O lateral xa está á disposición do adestrador para o partido en que pon o cargo en xogo.