Óscar Fernández, con parálise cerebral, comunícase grazas ás novas tecnoloxías e ao uso das redes sociais
Óscar Fernández ten parálise cerebral e non sabe ler nin escribir, pero agora pode comunicarse a través das redes sociais cunha tableta ou un móbil. Aprendeu en poucos meses, coa axuda dos profesionais da asociación de familias de persoas con parálise cerebral con sede en Vigo.
Antón Fernández, responsable de autonomía persoal da asociación APAMP: "Ao principo manexaba todo coa cabeza cun pulsador. Era todo con cable, un invento que desenvolvemos. A consecuencia diso puido optar a unha subvención, proporcionáronlle esta cadeira nova con conexión sen fíos. Conéctase a través de Bluetooth e co pé dereito manexa a panca de mando para mover o rato e facer todo o que facemos nós co dedo: desprazar, pulsar, abrir as aplicacións. Gústalle moito comunicarse, estar nas redes sociais, manexar WhatsApp".
É un dos catro finalistas do premio Romper Barreras co que se recoñece as persoas con discapacidade e entidades sociais que utilizan as novas tecnoloxías para mellorar a súa calidade de vida.