CRTVG

Buscar

Saúde Pública decidirá a vindeira semana sobre a segunda dose de AstraZeneca

Publicado o 12/05/2021 18:45
EFE

A Comisión de Saúde Pública tomará a semana que vén "a decisión máis adecuada" sobre como terminarán de inmunizarse os menores de 60 anos que recibiron unha primeira dose de AstraZeneca, se cunha segunda picada desta marca ou de Pfizer.

Para entón, os directores de Saúde Pública das comunidades e o Ministerio de Sanidade terán á súa disposición os "estudos observacionais" de países que aplicaron directamente unha segunda dose de Pfizer e os ensaios clínicos que estean dispoñibles, segundo avanzou en conferencia de prensa a ministra Carolina Darias.

Un deles é CombiVacs, impulsado polo Instituto de Saúde Carlos III que contou coa participación de 600 voluntarios, dos que 400 forman parte do grupo de intervención aos que xa se lles adminsitrou Cominarty (Pfizer). Os primeiros que foron vacinados con Vaxzevria (nome comercial de AstraZeneca) en febreiro deberían recibir a súa segunda dose cara ao 24 de maio despois de que Sanidade decidise ampliar o intervalo entre dose das 12 semanas que marca o seu prospecto e recomenda a Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) ata as 16.

E aínda que a EMA segue aconsellando que a segunda dose sexa da mesma AstraZeneca, "por que outros países están a facer outras cousas?", respondeu Darias ao ser preguntada por que non se segue esta recomendación. "O que fixemos no seo do Consello é maximizar os beneficios", resolveu.

Darias lamentou que o Hospital Quirón de Valencia optase por administrar a segunda dose de AstraZeneca ao persoal sanitario menor de 60 anos que xa recibira a primeira dose deste soro e trasladou á conselleira valenciana de Sanidade, Ana Barceló, "todo o apoio" ao que faga. A Consellería valenciana de Sanidade vai estudar medidas contra este centro polo seu "presunto incumprimento da Estratexia Nacional de Vacinación", sen responder os seus "requirimentos" e usando as vacinas de AstraZeneca "que se lles facilitaron baixo uns criterios determinados".

Noticias web

12/05/2021