CRTVG

Buscar

España empregará a vacina de AstraZeneca en persoas de 60 a 69 anos

Publicado o 08/04/2021 19:27

O Goberno garante que se cumprirá o plan de vacinación con ou sen AstraZeneca

• Posponse a decisión sobre que facer coa segunda dose das persoas vacinadas con AstraZeneca | Alemaña negocia a compra de Sputnik

 

 

O Ministerio de Sanidade e as comunidades acordaron este xoves que, unha vez conclúa a vacinación con AstraZeneca ás persoas de entre 60 e 65 anos agora en marcha, se prosiga coas do grupo de 66 a 69, aínda que no seu caso tamén poderán ser inmunizados cos outros soros dispoñibles.

A Comisión de Saúde Pública decidiu ademais na súa reunión desta tarde pospoñer a vacinación dos menores de 60 anos que estaban priorizados na estratexia para recibir o preparado da Universidade de Oxford pero que aínda non recibisen a primeira picada. Os técnicos do Ministerio de Sanidade e das comunidades comunicarán proximamente a súa decisión sobre a segunda dose "segundo se vaia actualizando e ampliando a evidencia científica, as avaliacións da EMA e en comunicación con outros países da UE".

Vaxzevria (nome comercial da vacina de AstraZeneca) empezou a administrarse en febreiro a unha parte de persoal esencial -docentes, policías, gardas civís ou bombeiros, entre outros-, nun principio menores de 55 anos e despois de 65 tras ampliar o límite, xunto a poboación xeral por baixo desa idade.

Hoxe, e tras desaconsellar onte o uso de AstraZeneca en menores de 60 anos tras o ditame da EMA sobre varios casos raros de trombos, a Comisión decidiu "continuar vacinando con AstraZeneca ao grupo 60-65 anos que xa está a se vacinar actualmente". E que "o seguinte grupo a vacinar con AstraZeneca sexa o de 66 a 69 anos (5 C), co obxectivo de completar canto antes a vacinación da poboación máis vulnerable á covid-19, poderanse utilizar outras vacinas en función da dispoñibilidade".

Desta forma, as persoas de entre 66 e 69 anos poderán ser vacinadas con calquera dos soros agora dispoñibles e tamén o de Janssen, cuxa primeira entrega espérase para mediados deste mes. A quinta e última actualización da estratexia publicada hai unha semana dedica para todo o grupo 5 da estratexia (o A, formado por maiores de 80; o B, por persoas de 70 a 79, e o C) as vacinas de ARN mensaxeiro de Pfizer e Moderna e a de Janssen, composta, como a de AstraZeneca, por un adenovirus.