CRTVG

Buscar

Saúde Pública aproba unha terceira dose da vacina a inmunodeprimidos graves

Publicado o 07/09/2021 19:46

• Aproba tamén a exención de corentena para os alumnos vacinados

A Comisión de Saúde Pública aprobou administrar unha dose adicional da vacina contra a covid−19 a algunhas persoas en situación de grave inmunosupresión, nas que existe un risco elevado de que se produza unha resposta inmune inadecuada á pauta convencional de vacinación.

Esa terceira dose sería, de momento, só para pacientes transplantados ou enfermos tratados con anticorpos monoclonais, que se usan por exemplo para tratar algúns casos de cancro. Todos estes pacientes forman parte do grupo de alto risco na estratexia de vacinación.

O resto, incluídos algúns pacientes oncolóxicos, persoas que reciben hemodiálise ou enfermos con VIH, terán que agardar. A decisión terá que ser validada polo Consello Interterritorial de Sanidade. Segundo fontes autonómicas, na reunión de hoxe tamén saíu a debate a vacinación cunha terceira dose de anciáns en residencias de maiores, que quedou pendente de estudo.

A Comisión de Saúde Pública, na que se atopan representadas todas as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, seguiu así as recomendacións do Relatorio de Vacinas e o Grupo de Traballo Técnico de vacinación COVID−19 (GTT), que levan semanas estudando a posible necesidade de completar a pauta de vacinación en determinados colectivos cunha dose adicional.

Ambos os organismos establecen que a inoculación desta terceira dose deberá realizarse polo menos 28 días despois de recibir a dose anterior. No caso das persoas en tratamento con fármacos  anti-CD20, terá que administrarse transcorridos seis meses desde a finalización da terapia. En todos estes casos administrarase vacina de ARNm, preferentemente o mesmo tipo de vacina que a administrada con anterioridade.

O Relatorio de Vacinas e o GTT recomendan así mesmo continuar a revisión da evidencia dos beneficios que unha dose adicional pode achegar noutras situacións de  inmunodepresión, como a de pacientes oncohematolóxicos en tratamento quimio-radioterapéutico e naqueles con patoloxías de base que requiran de tratamento inmunosupresor.

Con todo, ambas as entidades sinalaron que no momento actual non se dispón de datos sólidos que apoien a administración dunha dose de recordo —tamén coñecida como booster— na poboación xeral.

Ademais, recalcaron que aínda non se dispón dunha vacina coa indicación de dose de recordo na súa ficha técnica.

Aproba tamén a exención de corentena para alumnos vacinados

Por outra banda, a Comisión de Saúde Pública aprobou a actualización da Guía de actuación ante a aparición de casos de covid−19 en centros educativos, actualizada en consonancia coa última versión da Estratexia de detección precoz, vixilancia e control de COVID−19.

Nesta, establécese que estarán exentos da corentena os contactos estreitos (alumnado, profesorado e outro persoal do centro) que recibisen unha pauta de vacinación completa e/ou tivesen unha infección por SARS-CoV-2 confirmada por PDIA nos 180 días anteriores ao último contacto co caso. A avaliación da situación de vacinación ou de recuperado da enfermidade deberase realizar de forma individualizada.

Iso si, ás persoas vacinadas e exentas de corentena recomendaráselles evitar o contacto con persoas vulnerables. Así mesmo, indicaráselles o uso de máscara nas súas interaccións sociais, non acudir a eventos multitudinarios e realizar unha vixilancia da posible aparición de síntomas compatibles.

A excepción para esta recomendación son os contactos de casos vinculados a gromos producidos por unha variante do virus que escape á inmunidade xerada pola vacina e as persoas con  inmunodepresión.

Noticias web

07/09/2021