CRTVG

Buscar

A atención primaria saturada: “Estamos vendo compañeiros con problemas de depresión”

Publicado o 21/07/2021 10:03

A evolución desta quinta vaga estase deixando sentir xa nos centros hospitalarios, pero ben é certo que en moita menor medida que nos anteriores picos da pandemia. A evolución da campaña de vacinación é o factor determinante para iso. Pero os servizos de atención primaria son os que están vendo como o incremento dos contaxios provoca unha maior carga de traballo, ata que nalgúns centros xa falan de “sobresaturación”.

Carlos Bastida, médico de atención primaria na área de Pontevedra, di: “Temos máis do dobre de citas normais. Estamos atendendo moitas solicitudes de PCR, contactos próximos, hai que atender os contaxiados, confinados nas súas casas, hai que estar pendentes deles, facer as baixas, e ademais atender os crónicos, as urxencias e os pacientes habituais e os que non son nosos, que son doutros compañeiros que están de vacacións ou de baixa”.

“Estamos totalmente sobrecargados, é unha situación de todos os centros de saúde. Estamos por enriba das 70 ou 80 consultas diarias. Un día normal sería de 30 ou 40”, explica o doutor Bastida.

“Fisicamente estamos baldados, e mentalmente estamos con problemas de ansiedade e insomnio. Estamos soportando unha situación en que non sabemos que vai ocorrer, pero vai ter consecuencias claras. Xa estamos vendo compañeiros con problemas de depresión e angustia”, relata desde o centro de saúde.

A chegada desta quinta vaga para el: “É unha situación que non era esperada, da que parecía que íamos saír ben e estamos peor que o ano pasado. Algo está fallando. Están fallando os políticos e tamén a poboación. Parece que tomamos todo isto a risa, e mira o que pasa. Estamos peor que nunca. Hai menos carga hospitalaria, pero a sobrecarga que temos na atención primaria é brutal”.

Carlos Bastida cre que debemos dar un paso atrás e asumir que a pandemia segue estando moi presente: “Hai que tomar conciencia e actuar durante todo o día con responsabilidade. Que tomemos as medidas de protección, que poñamos as máscaras, aínda que se nos dixo que podíamos estar sen elas”.

E respecto á atención primaria pide: “Utilizar ben o sistema. Se é unha situación que pode esperar, esperemos. Non pasa nada por facer unha análise de control uns días máis tarde. Está vindo xente en situacións que non son urxentes”.

Noticias web

21/07/2021