CRTVG

Buscar

Sarria baixa ao nivel medio de restricións ao conseguir controlar os contaxios

Publicado o 14/07/2021 14:45

Despois dun importante gromo que a finais de xuño levou a Sarria ao nivel alto de restrición, a situación está acoutada, descenderon os contaxios e o concello baixa ao nivel medio. "As medidas que se tomaron están dando resultado", di o alcalde Claudio Garrido.

O cambio é ben recibido polos hostaleiros, que poderán utilizar de novo o interior dos locais ao 30% de ocupación. "É moi necesario, as terrazas son pequenas e co tempo que temos o interior é necesario".

Algúns retoman hoxe a actividade coa esperanza de non volver atrás. "Pechamos porque unha compañeira deu positivo e hoxe reabrimos de novo e agardamos que todo vaia ben".

A mellora anima tamén a uns veciños fartos da situación. "A cousa vai despacio pero a peor non vamos". "Xa está un canso de todo esto".

Despois de Sarria o concello que máis preocupa na provincia é o de Lugo onde aumentaron os casos da man dos contaxios entre os máis novos. "O concello de Lugo ten unha incidencia alta e non ten medidas de restrición porque a presión asistencial é pequena".

No conxunto da provincia aumentan os contaxios e superan xa o medio milleiro de casos activos.

Noticias web

14/07/2021