CRTVG

Buscar

Sargadelos negocia novos proxectos co MOMA

Publicado o 18/07/2019 11:56

Sargadelos vende moi ben as catro pezas incluídas no catálogo da tenda do MOMA, o Museo de Arte Moderna de Nova York, e prepara novos proxectos internacionais. O que máis valoran os neoiorquinos é a singularidade dos deseños da cerámica de Cervo, Lugo.

A tenda do Museo de Arte Moderna de Nova York púxose en contacto coa fábrica de Sargadelos despois de ver as súas pezas na Semana do Deseño de Londres. Desde o ano pasado catro figuras da cerámica galega están no catálogo do que se considera referente mundial da arte contemporánea. A experiencia está sendo moi positiva.

"A xulgar polos pedidos que nos fan, moi bo resultado. Cada mes fannos novos pedidos. Estamos moi contentos por ambas partes.Valoran a orixinalidade do deseño e a singularidade, claro. Moitas figuras baséanse na olería popular galega, e iso só o temos nos", explica Sara Méndez, responsable de deseño de Sargadelos.

A empresa está negociando máis colaboracións co MOMA e ten en proxecto outras vías de expansión internacional.

"Agora mesmo estamos traballando noutro proxecto cos do MOMA, pero agora non o podemos desvelar, así que aí queda.É certo que nos abriron moitas portas, sobre todo a nivel internacional, pero en Nova York xa nos coñecían e nos valoraban. Tiñamos moitas visitas á nosa tenda en liña e compras", engade Sara Méndez.

O proceso de elaboración da cerámica, impulsada no século pasado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, pode verse de preto en visitas guiadas na fábrica de Cervo, Lugo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/07/2019