CRTVG

Buscar

Sanxenxo supera a barreira dos 2.000 casos por 100.000 habitantes

Publicado o 24/07/2021 15:01

O concello de Sanxenxo superou hoxe a barreira dos 2.000 casos por 100.000 habitantes. É a incidencia acumulada a catorce días máis alta de toda Galicia. Nos últimos días fixéronse cribados entre a poboación nova para tentar frear os contaxios.

Case 900 persoas, de 18 a 35 anos, acudiron entre o xoves e o venres á Sala Nauta do porto de Sanxenxo para participar no cribado. En total, detectáronse 18 positivos. Arestora hai 372 casos activos no concello que se atopa dende este sábado no nivel máximo de restricións.

As novas medidas afectan, sobre todo, o sector da hostalería. Os locais nocturnos só poden abrir as terrazas, ao 50 por cento, ata a unha da mañá. No interior dos bares e restaurantes as persoas maiores de 12 anos deben presentar un certificado de vacinación completa ou unha PCR negativa.

O presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo asegura que se mantén o ritmo de reservas, con algunha cancelación. Segundo Alfonso Martínez, polo momento estalles a afectar máis o mal tempo pero saben que as restricións poderían condicionar a ocupación das vindeiras semanas.

Noticias web

24/07/2021