CRTVG

Buscar

Sanxenxo prohibirá reservar espazo nas súas praias desde o próximo verán

Publicado o 26/09/2021 12:48
Sanxenxo prohibirá reservar espazo nas súas praias desde o próximo verán

A cada vez máis habitual práctica de reservar espazo nas praias colocando antucas, hamacas ou toallas sen estar a facer uso delas, ten data de caducidade en Sanxenxo, que prohibirá este incívico costume.

O municipio, un dos destinos estivais máis populares das Rías Baixas, aprobará unha nova ordenanza para regular o uso dos areais e coidar os seus valores ambientais. A nova normativa, que entrará en vigor o vindeiro verán, prohibirá deixar calquera elemento na praia a modo de reserva de espazo.

Tampouco se permitirá o uso de cociñas nin a utilización de artefactos con lume. Ademais, os aparellos de radio non poderán superar os 45 decibeles durante o día e os 35 pola noite, para non molestar o resto de persoas usuarias.

Respecto á presenza de animais, quedará prohibida a circulación de calquera mascota doméstica nas praias ou zona de baño durante a tempada alta, entre os días 1 de xuño e 30 de setembro.

Esta limitación será maior, desde o 15 de marzo, nas zonas sensibles pola cría de aves. Afecta aos areais incluídos en espazos naturais da Rede Natura 2000 como son Magor, Fontenla, Foxos, Nosa Señora, Areas Gordas, A Lapa, Espiñeiro, A Lanzada e Montalvo.

As actividades deportivas ou culturais, tanto na area coma na auga, poderanse desenvolver sempre que non supoñan molestia e cando exista espazo dabondo.

Non se permitirá a venda ambulante nas praias e o feito de non respectar a prohibición do baño cando estea izada a bandeira vermella será considerado unha infracción grave, igual que lanzarse á auga desde cantís, rochas ou espigóns.

Festa de San Xoán

O regulamento dedica tamén un dos seus artigos á celebración do San Xoán. Ademais dos permisos e requisitos habituais, quedarán prohibidas as tendas de campaña, os farois tailandeses e os vasos ou botellas de vidro.

O baño nas praias, por motivos de seguridade, quedará totalmente prohibido entre as 22:00 horas do 23 de xuño e as 9:00 horas do día seguinte.

A ordenanza, que se vai aprobar de xeito inicial no pleno deste luns, inclúe sancións para quen incumpra as normas, que oscilarán entre os 750 e os 3.000 euros.