CRTVG

Buscar

Sanxenxo prepárase para acoller o paso da Volta a España

Publicado o 03/09/2021 14:28

O pelotón da Volta a España sairá este sábado pola mañá da zona portuaria de Sanxenxo. Durante as horas previas, toca poñer a punto a vila para que todo vaia ben. Entre outras cousas, revisan o percorrido, porque non pode quedar nin un só coche na ruta. A Policía Local xa ten preparado o operativo para este sábado. "Nós temos un labor de seguridade. Temos que controlar os cruzamentos e calquera imprevisto que poida pasar, comprobar que non haxa ningún animal solto que poida provocar un accidente, ademais de vixiar os cortes das vías e que todo estea despexado no momento", di Marcial Juviño, oficial da Policía Local de Sanxenxo.

Garantir a seguridade é prioritario. Tamén lembran a importancia da saída desde este concello dunha proba deportiva que seguen máis de 340 medios locais, nacionais e internacionais. Iso converte o evento nun bo escaparate.

O paso da volta leva implícitas certas molestias para os veciños, como o corte do tráfico en moitas rúas. "Por aquí xa pasou a Volta máis veces, incluso tivemos a chegada, que ten outras complicacións. Neste caso é a saída, e as posibles molestias para os veciños son menores porque os cortes de vía van ser nun tempo mínimo".

En total, 70 operarios municipais encárganse de reducir esas molestias e facilitar o traballo de todo o equipo da Volta a España.

Noticias web

03/09/2021