Sanxenxo no punto de mira, controis nos accesos á vila durante toda a ponte
Entre a policía local e a garda civil, hoxe é difícil entrar en Sanxenxo sen ter que dar contas dos nosos movementos.
Controlan sobre todo que non haxa desprazamentos de xente de fóra de Galicia sen unha causa xustificada. En xeral todos reaccionan ben.
"Estupendo, estupendísimo de verdade que se deberían facer incluso máis estrictos", " Canto máis controlado estea moitísimo mellor. A verdade hai moita xente, que xa me contaron, que se moven entre comunidades e se está prohibido, para controlar todo o tema dos virus, todo o que se faga todo é bó", afirmaban dous homes mentres estaban parados no control.
Tamén controis nas terrazas para apoiar aos hostaleiros no cumprimento das normas. Hoxe Sanxenxo amosaba un ambiente moi diferente ao que debería ser normal nunha ponte festiva.
"Plagado, estaría cheo de xente, e con moito ambiente, estaría a praia chea. Gústame o de antes, lembroo mellor. Eu creo que a xente agora está moi triste, en xeral", comenta unha señora que paseaba por Silgar
Se teñen pensado ir á praia, lembren que os areais teñen un acceso limitado. Ó igual que no verán pasado, estableceranse catro metros cadrados por usuario. Deberemos estar coa máscara posta, só a podemos sacar dentro da auga e se estamos deitados na toalla. Como no resto de actividades ó aire libre, non se poderán xuntar máis de seis persoas.