CRTVG

Buscar

Sanxenxo inicia a Semana Santa baixo mínimos por mor das restricións da covid

Publicado o 27/03/2021 14:59

O inicio da Semana Santa colle a Sanxenxo coa estrea recente do nivel alto de restricións, o que significa que a hostalería non pode atender en interiores e a ocupación das terrazas queda reducida á metade. Os propietarios dos locais afrontan con resignación as limitacións, sen perder de vista as próximas revisións das medidas sanitarias e esperando que o sacrificio sirva para poder traballar plenamente no verán.

"Ir traballando segundo se vai podendo -conta o director do hotel Marycielo de Sanxenxo-, organizando un pouquiño en función do que vai sucedendo. Agora mesmo contemplamos a fin de semana e non sabemos o que pode suceder de cara os primeiros días da vindeira semana. O persoal está avisado, está contemplado e segundo como vaia sucedendo nos vindeiros días, iremos modificando todo".

Un 70 por cento dos establecementos deste concello pontevedrés decidiron non abrir as súas portas, e a primeira hora desta mañá os locais que ofrecían almorzos eran poucos.

"Si que se pode ver bastante ambiente, e mellor deste xeito, porque así a hostalería agroma un pouco", comentaba algún dos visitantes.

Os habituais deste referente do turismo galego aceptaban tamén as limitacions sanitarias.

"Se queremos erradicar esta peste toca esta situación, nin máis nin menos. Non podemos amorearnos de calqueira xeito, porque os resultados xa os tivemos, bastante negativos por desgraza, e volvemos á mesma", relataba un paseante.
"Pouca xente, mais enténdoo perfectamente. Coa incidencia agora mesmo alta é normal. Os hostaleiros queixanse, pero é o que hai", resignábase unha viaxeira procedente da Coruña.

Algúns hostaleiros apuntaban a complicada situación que se está a vivir no lindeiro Portonovo, onde moitos dos locais carecen de terrazas ou son demasiado pequenas para traballar. Lembraban tamén que Sanxenxo carece actualmente de restricións á mobilidade, polo que dentro de Galicia calquera visitante, agás os que vivan en concellos pechados, pode achegarse e gozar dos seus encantos.


 

Noticias web

27/03/2021