Sanxenxo engraxa a maquinaria da contratación e vai precisar camareiros, persoal de cociña e limpeza
O sector hostaleiro de Sanxenxo vai estar aberto a medio gas durante esta Semana Santa e confían nunha recuperación paulatina de cara a un verán para o que están chegando xa ofertas de emprego.
Lamentan perder a Semana Santa, pero prefiren sacrificala se con iso salvan o verán, que é onde se move a maior parte da facturación. Este ano a contratación vai comezar máis tarde, pero prevese que vai ser importante.
"De momento está a contagotas, estamos a principios de marzo e dependendo das autoridades se abren ou pechan os municipios ou as comunidades autónomas pois si que se prevé un regueiro ofertas de emprego e de contratación de traballadores", explica Elena Sutil, orientadora laboral do concello de Sanxenxo
"Do que adoita haber máis necesidade é sobre todo camareiros e tema de persoal de cociña, pero tamén no sector da hospedaxe; tamén o tema, sobre todo, de camareiras de piso, de limpeza, pero sobre todo centrado no sector da restauración", amplía Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo
Este ano os contratos serán máis curtos porque tamén máis curta vai ser a temporada.
"Normalmente a mediados de xuño adoitamos estar case o cadro de persoal completo, e este ano será a partir do San Xoán se a cousa se ve que vai normal", comenta Eloy Blanco, hostaleiro.
Malia que esta Semana Santa vai ser atípica, Sanxenxo abre as súas portas á quen poida visitalo.
"Si vai haber establecementos abertos e si vai haber a posibilidade de vir a Sanxenxo, sempre que estea permitido dentro da normativa que rexa nese momento", explica Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.