CRTVG

Buscar

Sanxenxo acada o 100% de ocupación hoteleira nesta ponte festiva

Publicado o 11/10/2021 15:22

"Pódese falar do cen por cento de ocupación na maioría dos establecementos, nunca por debaixo do oitenta por cento e polo tanto está sendo unha ponte moi boa, estamos practicamente nas cifras de 2019 e incluso nalgún caso por riba", explica Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos.

Non podía comezar mellor o outono en Sanxenxo, despois dun verán en que os hostaleiros volveron recuperar a fe. Parece que todos os esforzos por atraer os turistas máis alá do sol e a praia están dando os seus froitos.

"Hai non hai moito tempo a tempada era xullo e agosto e este ano xuño foi espectacular, xullo e agosto e setembro e outubro, é dicir xa estamos falando de cinco meses de doce e eu creo que por aí é a liña coa que temos que seguir traballando", comenta Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga.

Para potenciar o turismo de outubro a marzo, esta mañá asinouse un convenio de colaboración entre a Xunta e Concello, cifrado en 150.000 euros. Búscase explotar e promocionar todo o potencial que ten Sanxenxo.

"De rutas de sendeirismo, de posibilidades gastronómicas, de todas as posibilidades náuticas que ofrecen as nosas rías non só nos meses centrais de verán", informa  Alfonso Rueda, conselleiro da Presidencia, Xustiza e Turismo.

"Este convenio vainos a axudar para facer unha promoción e poñer en valor o que sempre dicimos que é que Sanxenxo é visitable os 365 días do ano", apunta ​Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo.

Noticias web

11/10/2021