Sanxenxo abre a época das verbenas para 200 persoas sentadas
A primeira verbena da era covid vaise celebrar aquí en Sanxenxo. Nesta praza da Fonte de Ramos dentro dunhas horas haberá 200 cadeiras separadas pola distancia de seguridade para persoas que reserven a cita previa. Só así e con máscara obrigatoria se poderá acceder a esta experiencia piloto que poderá marcar o camiño para a supervivencia deste sector. Na noite do sábado, veremos como é iso de bailar sentados.
Aquí están os doce membros de La Ocaband dándoo todo no ensaio xeral, coma sempre. A actuación que prepara esta orquestra profesional non é unha máis, senón algo que non fixeron nunca: un bolo diante de público enmascarado e sentado.
Enriba do escenario as cousas serán máis ou menos igual, pero ao outro lado todo será distinto, por iso á experiencia piloto este músicos non lle queren chamar verbena.
O repertorio repasará durante hora e media un século de música para bailar e non faltarán clásicos galegos como Andrés Dobarro, Xoan Pardo, Xil Ríos e Ana Kiro, ademais de visuais e, avanzan, tamén sorpresas.