CRTVG

Buscar

Santiso deixa de ser concello libre de covid e aumenta restricións

Publicado o 12/05/2021 15:06

Absoluta normalidade hoxe en Santiso, tanta que algúns veciños descoñecían que houbese un gromo xa dende o venres.

"Pois non sei, non sei, porque a verdade non saio de aquí. Somos poucos veciños e se vas dar un paseo e te atopas con eles, sempre falas, pero se non, neniña, nada", comenta unha veciña.

A vida en Santiso é moi tranquila e faise sobre todo de portas para dentro. Os veciños séntense moi seguros.

"Home, si, aquí grazas a Deus estamos seguros, estamos pola leira adiante e ao aire libre", asegura unha señora.

Agás unha pequena tenda rural, o resto dos servizos hai que ir buscalos aos concellos veciños. Os bares cóntanse cos dedos dunha man.

A partir do venres este hostaleiro só poderá atender 4 persoas no interior do seu bar. Eles son os que van notar máis as restricións.

O gromo afectou dúas casas dunha mesma familia. Son en total 6 positivos que en termos de incidencia tradúcense en 388 casos por cen mil habitantes.

 

Noticias web

12/05/2021