CRTVG

Buscar

Santiago supera os cen pacientes hospitalizados nas unidades de coronavirus

Publicado o 10/01/2021 15:02

A área sanitaria de Santiago e Barbanza supera os cen pacientes ingresados con covid−19. O número aumentou ata os 105 hospitalizados este domingo. Os casos máis graves son os de sete persoas que reciben coidados intensivos no CHUS.

O ritmo de contaxios é especialmente preocupante en Compostela, cunha incidencia acumulada por riba dos 325 casos, a máis alta das sete cidades galegas.

"Preocúpame pola saúde, preocúpame polo negocio, por todo en xeral". "Como depende de nós, por favor, quedemos na casa". Iso comentan dúas veciñas.

Quedar na casa o máximo tempo posible é tamén o que piden as autoridades sanitarias. De feito, preto de 150.000 veciños de Santiago, Ames e Teo teñen restrinxida a mobilidade debido ao peche perimetral conxunto dos tres concellos.

"Eu creo que isto xa era algo previsible, que despois das festas ía haber o problema este, pero o importante é que saiamos dela e que poñamos os medios posibles. Temos que ser nós, temos que coidarnos, temos que facer o que se nos di dunha vez, hai xente que non está afeita a obedecer... pois hai que obedecer".

Nos vindeiros días, o comité clínico avaliará se as medidas, como o peche da hostalería, que só mantén abertas as terrazas ata ás seis da tarde, logran conter os contaxios. Fundamentais son os cribados para detectar asintomáticos.

"A min chamáronme porque estiven en contacto cun positivo e estou en corentena na casa. Tamén me fan un seguimento os militares, chámanme aí ás dez".

No que vai de ano, nove persoas morreron nesta área sanitaria.

Noticias web

10/01/2021