CRTVG

Buscar

Santiago recupera voos internacionais en decembro

Publicado o 29/11/2020 15:22

Última fin de semana do ano sen voos internacionais no aeroporto de Santiago.
As compañías recuperan as conexións internacionais máis demandadas coa vista posta na campaña do Nadal. Vueling xa ten á venda os billetes para viaxar a Ámsterdam. Oferta dúas conexións semanais, e o primeiro voo sae este xoves. Hoxe aínda hai poco movemento na terminal, pero as compañias agardan unha maior afluencia en decembro.

Nestes meses de restricións, París era o único destino fóra do territorio español ao que se podía viaxar de xeito directo dende a terminal compostelá. Vueling reforza esta ruta cunha segunda conexión semanal.

Este decembro Easyjet volve conectar Galicia con Suíza, que é sempre un dos destinos que move máis pasaxeiros nas últimas semanas do ano. Hai programados máis dunha ducia de voos a Xenebra e a Basilea.

Dende mediados de decembro, tamén se poderá viaxar a Londres os martes e sábados e a Milán os domingos coa compañia Ryanair.

Segundo evolucione a situación sanitaria, as compañias poderían ampliar aínda a oferta e a frecuencia de voos.

Noticias web

29/11/2020