CRTVG

Buscar

Santiago recupera o pulso tras unha fin de semana intensa en actos e turismo

Publicado o 26/07/2021 14:15

Xa se sabe que a resaca se cura con auga... 2.000 litros por camión para limpar as rúas da zona antiga despois de dous días de moito balbordo. Hoxe a cidade espertou amodo, cos ruídos puntuais dos traballadores de primeira hora.

"Bastante ben. Eu pensei que ía haber menos polas restricións, pero houbo moito peregrino, turistas...", comenta Suso mentres coloca a terraza.

A pedra e a luz das rúas volven destacar. O paseo pola cidade faise doutra forma. 

"Moito máis tranquila. Esta semana é máis calmada. Non hai tantas aglomeracións", conta un turista arxentino.

Só na fin de semana chegaron máis de 4.000 peregrinos. Turismo, consumo, alegría... Xa era hora. 

"Foi unha fin de semana que hai anos que non había tanta xente. Non dábamos atendido a todo o mundo", di Inés Boyero, do hotel Campanas de San Juan.

Santiago segue de festa esta semana, pero para moitos este luns foi un día de maletas. Un grupo de Málaga vén case todos os anos. 

"Está recuperándose un pouco. Estivemos en setembro do ano pasado e estaba de pena. Agora xa está recuperándose a normalidade", afirma un dos seus integrantes.

Este luns nas rúas haberá cinema, teatro e música. Algo máis tranquilo tras un 25 de xullo pletórico.

Noticias web

26/07/2021