CRTVG

Buscar

Santiago recupera a normalidade na traída, pendente da vertedura no fondo do río

Publicado o 12/09/2021 21:24

Cunha situación xa máis normalizada en canto á turbidez da auga en Santiago, a concesionaria da estación de tratamento de auga potable do Tambre, que xa retomou a actividade onte á última hora da tarde, mantén activo o gabinete de crise e continúa coas manobras na planta e cos controis sanitarios. Coa situación controlada neste momento, están moi pendentes da meteoroloxía dos próximos días, que podería revolver o río onde queda aínda depositada parte da vertedura.

Insisten en que non hai risco sanitario, como xa aclaraba esta mañá a concelleira de Medio Ambiente de Santiago. "O máis importante é que, primeiro, en ningún punto da cidade desde onte houbo corte de subministración de auga e que neste momento esa auga que vemos avolta nas nosas casas cumpre todos os parámetros sanitarios para ser auga potable".


Tamén os concellos limítrofes de Ames e Brión solicitaron a colaboración cidadá para limitar o consumo e por precaución Ames pechou a piscina do Milladoiro e prohibiu o baño na praia fluvial de Tapia.

En Augas de Galicia reiteran que se seguirán controlando os niveis de contaminación nos próximos días e que os feitos están xa baixo investigación tanto da Garda Civil como da Policía Autonómica.

Noticias web

12/09/2021