CRTVG

Buscar

Santiago, punto base dos turistas que veñen a Galicia

Publicado o 20/04/2019 14:58

Coa chegada da Semana Santa o goteo de turistas e peregrinos comeza a aumentar en Compostela. Visitantes, maioritariamente doutros recunchos de España, escollen como base Santiago para desde aí percorrer Galicia e gozar das súas paisaxes e a súa gastronomía. Ao redor dun 60% do total dos turistas que chegan na Pascua son nacionais.

Falan os visitantes: "Viñemos de Barcelona, viñemos facendo o Camiño e chegamos onte". "É moi bonito, visitamos xa a catedral, as catro igrexas máis importantes, as praciñas, non sei, sobre todo andar pola rúa un pouco e ver o ambiente". "Hoxe fomos ver a catedral e compramos pan galego e chourizo e imos facer un 'picnic', que fai sol e marchamos para A Coruña. Impresionante. Está diluviando en toda España e nós aquí!" "Vimos de Gran Canaria, vimos de facer o Camiño, somos 16 en total e a verdade é que colleunos moi bo tempo, só nos choveu un día e a verdade é que estou encantada, namorada desta terra, é unha marabilla". "Somos de Oviedo e chegamos onte pola tarde. Gozar deste bo tempo que temos en Santiago para percorrelo todo, patear por aquí e ver esta marabilla, estes edificios e todo iso!". "Ui a comida! Nós somos de Asturias, que che vou a dicir. Aquí está todo moi bo igual!"

Ateigadas de xente locen a praza do Obradoiro e o mercado de abastos composteláns, dende primeira hora, son dúas das paradas imprescindibles na visita á capital galega. Os hoteis e as pensións, especialmente os da contorna da catedral están completos a fin de semana. A ocupación da cidade rolda estes días do 80% na zona vella e sobe algo do 70% nos puntos máis apartados do centro. As reservas de última hora aumentan tamén grazas ao bo tempo, que é sempre un aliciente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/04/2019