CRTVG

Buscar

Santiago pasa ao nivel máximo de restricións, Ourense volve pechar e Galicia quedará perimetrada ata finais de mes

Publicado o 08/01/2021 17:38

• A capital compartirá peche con Ames e Teo; Ourense, con Barbadás

• A cidade das Burgas e A Coruña soben ao nivel medio-alto de risco

• As residencias, blindadas ata completar a vacinación

• Sanidade chama a autoconfinarse e saír só para "cuestións esenciais"

Galicia estará pechada perimetralmente durante todo o mes de xaneiro, principalmente para restrinxir a mobilidade co norte de Portugal, con especial fincapé por tanto nas localidades fronteirizas de Verín (Ourense) e Tui (Pontevedra). Nun principio, o día 11 ía levantarse esta medida, unha das aplicadas para conter a propagación do virus, pero o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este venres da ampliación do prazo, pois a pandemia "suma e segue". 

A súa comparecencia produciuse tras unha longa reunión do subcomité clínico, reunido nesta xornada durante horas, un encontro tras o cal a administración autonómica acordou un endurecemento das restricións. "Seguimos en alerta e isto aínda non terminou", subliñou García Comesaña.

A améndoa perimetral conformada pola capital galega, Santiago de Compostela, xunto aos concellos limítrofes de Ames e Teo, pasará ao nivel de "risco extremo" ante o empeoramento sostido dos seus datos epidemiolóxicos. No nivel máximo a hostalería pecha ás seis da tarde e só poden abrir as terrazas ao 50% da súa capacidade e catro é o número máximo para as xuntanzas. 

Ourense e o concello limítrofe de Barbadás volven ao peche perimetral, pois o subcomité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia determinou a necesidade de establecer o nivel medio-alto para ambos os municipios, ante o empeoramento dos datos epidemiolóxicos. Implica que a hostalería abra cun 30% de ocupación no interior e un 50% nas terrazas, con horario límite das seis da tarde e grupos máximos de catro persoas.

A Coruña, xunto con Arteixo, Cambre e Culleredo, escala un chanzo e do nivel medio tamén pasa ao medio alto, coas mesmas limitacións que Ourense. 

Así, Lugo convértese na única cidade, de entre as sete principais, en gozar de mobilidade.

A administración autonómica non descarta decisións "adicionais" para a hostalería en todo o territorio, pero, de habelas, non se coñecerán ata o vindeiro martes, anunciou García Comesaña.

Todas estas medidas entran en vigor este mesmo sábado tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. 

Galicia blinda as residencias e fará cribados específicos 

Galicia blindará as residencias de maiores ata que se poña a segunda dose. Os usuarios non poderán saír e as visitas quedarán limitadas a unha persoa á semana que ha de ser un único familiar.

A Consellería de Sanidade realizará cribados para detectar casos de coronavirus entre os universitarios que regresen ás cidades onde cursen os seus estudos tras as vacacións de Nadal.  Sanidade creará un apartado concreto no rexistro de viaxeiros "orientado especificamente" aos estudantes, que, unha vez anotados, recibirán unha cita para someterse a unha proba diagnóstica.

Intensifícanse os cribados atendendo á incidencia acumulada da covid-19 en determinados sectores poboacionais. Deste xeito, o titular de Sanidade avanzou un novo cribado masivo en Bueu.

Outro dos aspectos destacados por García Comeseña foi que, desde o xoves pasado, a "capacidade diagnóstica" por proba PCR atópase "ao 100 por 100" e "así se manterá nos próximos días". 

 A Xunta chama a "autoconfinarse"

O conselleiro de Sanidade chamou aos galegos a "autoconfinarse" e a saír só da casa para "cuestións esenciais" ante o incremento de contaxios que se rexistra en Galicia tras o Nadal. Comesaña advertiu da "desmotivación ante as medidas de prevención". "A percepción do risco sobre a gravidade da enfermidade no caso de contaxiarse reduciuse", asegurou o conselleiro que, aínda que recoñeceu que "está a ser unha loita longa", insistiu na necesidade de "non perder o medo" e de "non relaxarse".

"Temos que facer unha especie de autoconfinamiento nestes días, non saír de casa máis que por cuestións esenciais, limitar a nosa interacción social, limitar a nosa mobilidade", sinalou como medida para "tratar de frear" o avance dos contaxios. 

O conselleiro mostrou a súa "preocupación" polo aumento dos casos positivos de covid-19 en Galicia despois das celebracións de Nadal en Galicia". "Galicia rexistrou no período do Nadal 2.513 sancións por incumprir as limitacións. É un dato para a reflexión, houbo festas, houbo botellóns, os que menos, pero suficientes para expandir a covid-19 como demostran os datos destes últimos días", manifestou. Con todo, agradeceu o "esforzo" de "quen está a cumprir" e lamentou "profundamente" que outros non cumprisen as normas.

 

Compostela e comarca é a área sanitaria que xera máis inquedanza. "Preocúpanos moito, -asumiu a directora de Saúde Púbica, Carmen Durán- pois os seus datos son de 292 casos por cada cen mil habitantes a 14 días e de 179 a 7 e non se trata de 'algo puntual' debido a que así se mantivo a foto ao longo do últimas tres semanas".

Na Coruña, as cifras son 247 a 14 días e 152 a 7, pero esta é a primeira semana que ocorre; igual que en Ourense, con 140 e 217, respectivamente; mentres que Ferrol móvese en 226 a 14 días e 124 a 7. Vigo segue "constante", con 186 casos por cada cen mil habitantes; Pontevedra, con 149 ao longo de dúas semanas, e Lugo, con 106.

Carmen Durán remarcou que a radiografía galega mostra unha "situación crecente, ascendente" pero sen que poida falarse dun "crecemento de casos exponencial". Son 248 os casos por cada cen mil habitantes a 14 días, 234 excluíndo os centros residenciais; e 144 a 7. A media española, que achegou, é de 296 a 14 e de 157 a 7.

"A taxa de positividade está no 8,3% -dixo-, moi por encima do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, pero con todo por baixo do 10% asumido como tolerable", afirmou esta responsable.

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, aludiu ao inxente traballo de atención primaria, sobre todo no que ao seguimento de pacientes en domicilio se refire; á alta capacidade de diagnose, en aumento polos tests de antíxenos; e ao traballo do 061, que soamente este 7 de xaneiro recibiu 4.000 chamadas relacionadas coa enfermidade que provocou a crise.

Flores indicou que a ocupación de camas subiu un 20% na totalidade das áreas nas últimas semanas, mentres que en críticos o ascenso é dun 10% en sete días. A vista está posta, sobre todo, na Coruña e Pontevedra, onde a presión non diminúe.