Santiago, Ourense, A Coruña e Lugo, cidades elixidas polos líderes políticos galegos para o comezo da campaña
Santiago, Ourense, A Coruña e Lugo son as cidades elixidas polos líderes políticos galegos para o comezo da campaña para as municipais do 26 de maio. Comeza oficialmente ás doce da noite, con actos convocados en toda Galicia.
O acto central do BNG será na Coruña. Ana Pontón estará co candidato Francisco Jorquera. O PSdeG escolleu Ourense para abrir a súa campaña. Gonzalo Caballero acompañará o candidato local, Rafael Rodríguez Villarino. O voceiro de En Marea, Luís Villares, desprazarase a Lugo para apoiar o candidato de Lugonovo, Xosé Chorén. E o PPdeG escolleu Santiago para dar o tiro de saída a quince días de campaña. Alberto Núñez Feijóo arroupará neste primeiro día o candidato á alcaldía, Agustín Hernández.
E horas antes do comezo da campaña, o BNG reúne os seus alcaldables. Nun acto que celebrou en Santiago, o partido que lidera Ana Pontón presentou o programa nacional para os concellos. A formación incide no apoio ao pequeno comercio e aos sectores produtivos galegos, en políticas sociais e de defensa do idioma e da cultura galega.