CRTVG

Buscar

Santiago Martínez: "Deume a sensación de que no Ecuador se perdeu o control"

Publicado o 10/10/2019 11:41

Santiago Martínez, consultor en comunicación estratéxica e analista internacional, viviu en primeira persoa as primeiras revoltas da actual crise en Ecuador.

"Eu ía para realizar unha serie de clases e obradoiros, pero tiveron que suspenderse. Ademais, tiven que estar encerrado no hotel, sen case moverme", asegurou nunha entrevista no Bos días.

Sobre a situación do país asegura: "Deume a sensación de que se perdeu o control. Nunha situación de crise é necesario en todo momeno exista a percepción de dominio da situación. E na maneira en que se comunicaron estas medidas económicas, que se pode discutir se eran necesarias, e fuxir cara a Guayaquil deu unha imaxe de perda de control. Todo iso levou a unha situación de anarquía en todo o país".

As negociacións abertas neste momento son, segundo a súa opinión, unha posibilidade para atopar unha solución ao conflito en Ecuador: "Agora parece que se ve luz ao final do túnel. A volta de Lenín Moreno á capital parece que é para liderar as negociacións, sobre todo co colectivo indíxena".

Santiago Martínez é crítico coa simpleza coa que se analizou o que estaba ocorrendo no país desde a visión occidental: "Dende fóra, pola inmediatez, fanse unhas análises causais, buscando a causa-efecto. E a cuestión é máis poliédrica".

"Dáse en Ecuador unha situación en que o presidente mantén unha pelexa co ex-presidente. Lenín Moreno, que foi designado por Rafael Correa, desligouse das súas políticas tan pronto chegou ao Goberno. E dentro diso está a retirada dun subsidio aos combustibles, e prexudicaba o colectivo do transporte. Eran en total 1.400 millóns de dólares ao ano", explica Santiago Martínez.

"E nese contexto de crise política, todos os que están en contra do Goberno aproveitan para intentar tombar o Goberno. Desde Rafael Correa, pedindo adianto electoral, os estudantes, o colectivo de transporte, os estudantes... E logo está tamén o colectivo indíxena, a quen a suba da gasolina encarece os seus produtos. Eles levántanse por unha necesidade. E en medio hai infiltrados para intentar xerar o caos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí