CRTVG

Buscar

Santiago Lago: "Aínda que veña unha crise non terá que ver co que pasou en 2007 e 2008"

Publicado o 07/10/2019 11:55

Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada e director do Foro Económico de Galicia, reflexionou no Bos días sobre a actual situación económica.

"O contexto internacional está empeorando, e Galicia e España non poden subtraerse a iso. Pero é verdade que como vimos dunha situación mellor, pois seguimos a unha velocidade alta aínda que esteamos desacelerando", asegurou.

"O consumo das familias segue medrando, e o emprego tamén. Pero as empresas comezan a notar que os mercados exteriores estanse pechando. Aí é de onde nos vén a desaceleración", cre Santiago Lago quen tamén reflexiona sobre a loita comercial aberta cos Estados Unidos: "Este tipo de loitas comerciais non nos veñen ben. Se soben os aranceis, neste contexto problemático do mercado exterior, a cousa aínda se vai complicar máis. Pero é verdade que as nosas empresas son máis fortes do que eran".

De todos os xeitos, o director do Foro Económico de Galicia é moderadamente optimista: "Aínda que no noso entorno vemos chegar unha crise, para Galicia e para España non vai ser nada parecido ao que pasou en 2007 e 2008. Iso probablemente non se repita en décadas porque nese momento colleunos moi mal, e hoxe temos unha economía máis saúdable salvo no que ten que ver coa débeda pública e o déficit".

"Séguese xerando emprego, pero é certo que se as empresas non exportan tanto non contratarán tanto, pero as decisións de consumo das empresas seguen dinámicas. Quizá a excepción é no sector da automoción, no que fixeron dano todos eses anuncios de transición ecolóxica".

En canto ao futuro, el aposta máis por verlle a cara boa: "A dixitalización para Galicia é máis unha oportunidade que un problema, porque permite corrixir a nosa posición periférica".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí