CRTVG

Buscar

Santiago Lago: "A guerra comercial non favorece a ninguén, prexudica a todos"

Publicado o 26/08/2019 11:09

Santiago Lago, catedrático e director do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Foro Económico de Galicia, estivo este luns no Bos días para falar da situación económica actual. En concreto da inestabilidade nos mercados mundiais provocada entre outras cousas pola guerra comercial aberta entre os Estados Unidos e A China.

"Eu creo que non favorece a ninguén. Prexudica a todos. O que pasa é que como ocorre sempre nas guerras proteccionistas a curto prazo hai efectos electoralistas que poden ser importantes. Nesta lóxica é na que hai que interpretar este tipo de movementos", asegurou.

En canto ao papel que xoga a Unión Europea, e España e Galicia, en medio desas liortas comerciais, dixo que "ao final nós non somos actores principais, pero si afectados. E afectados negativamente, porque para nós o comercio internacional é moi importante. De feito a internacionalización das empresas serviu para saír da crise. Calquera situación en que se poña en perigo o comercio internacional vennos mal aos galegos e aos españois".

Santiago Lago cre que as preocupacións debemos poñelas nas reformas máis a longo prazo porque "a realidade é que a merirande parte das reformas pendentes que temos non son tan importantes a curto prazo. As reformas son importantes, pero pensando a cinco dez anos vista. Estamos con taxas de crecemento superior ao 2 por cento, e estamos nunha posición cíclica mellor que outros socios europeos. O risco de recesión aínda non existe en Galicia".

Os problemas para a economía no curto prazo veñen dados, na súa opinión pola inestabilidade política: "É importante, sobre todo no que ten que ver coa certeza. A incerteza é moi mala en economía, para as familias, para a toma de decisións empresariais... Non ter un Goberno ten un custo, e non ter orzamentos nestes momentos xa ten efectos inmediatos serios, entre eles que as comunidades autonómas, entre elas Galicia, non están recibindo os cartos que deberían".

E por iso a expectativa dunhas novas eleccións non sería boa en termos económicos: "Iso no fondo o que fai é prorrogar o proceso. E con poucas perspectivas de que o escenario postelectoral vaia ser diferente. Non hai maiorías absolutas á vista. Hai que apelar á responsabilidade dos nosos líderes políticos de atopar unha solución. Non podemos seguir prorrogando orzamentos, chegar a 2020 con orzamentos de 2018, non podemos seguir afogando as comunidades, non ter un plan de investimentos do Estado. Xa levamos tres ou catro anos de inestabildiade e isto xa está pasando factura", concluíu.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí