CRTVG

Buscar

Santiago súmase aos concellos en nivel alto ante o aumento de contaxios entre a xente nova

Publicado o 31/07/2021 14:59

Santiago entrou este sábado no nivel alto de restricións cunha incidencia acumulada a catorce días superior aos 600 casos por 100.000 habitantes pero en lixeiro descenso. Os locais nocturnos só poden atender na terraza coa metade das mesas e ata a unha da mañá. Os bares e restaurante abren ao 50 % e, para consumir no interior hai que presentar certificado de inmunidade.

O alcalde de Santiago agradece a responsabilidade do sector da hostalería e do comercio no cumprimento das restricións. Turistas e camiñantes adáptanse ás medidas con resignación.

No concello compostelán están a medrar os contaxios, sobre todo, no segmento dos 16 aos 20 anos. Incluso comezan aparecer bastantes casos por baixo desa idade.

Segundo o rexedor, Xosé Sánchez Bugallo, é necesario "seguir avanzando na vacinación dos sectores" que non están aínda inmunizados e conseguir que "eses mozos e mozas sexan conscientes de que non son inmunes ao virus senón que poden coller a enfermidade".

Hoxe rematan as festas do Apóstolo pero a despedida non vai poder ser dende a alameda porque os parques e xardíns permanecen pechados ao público a partir da medianoite.

Noticias web

31/07/2021