CRTVG

Buscar

Santiago énchese de visitantes e extrema a seguridade na véspera do Apóstolo

Publicado o 24/07/2019 13:58

Na véspera do Día de Galicia, Santiago é un fervedoiro de xente. As rúas e prazas da cidade están cheas de visitantes. Con todo, segundo din dende o sector, os hoteis non están ao máximo da súa ocupación. Sara Santos, a presidenta da asociación de hostelería de Santiago, asegura que non superan o 70 por cento de ocupación.

Moitos visitan a capital galega para facer turismo e degustar a gastronomía. Pero esta xornada, en plenas Festas do Apóstolo, ofrece outro prato forte: o espectáculo de fogos na praza do Obradoiro. Sheila Menéndez, xefa de proxecto da empresa Acciona, que organiza os fogos, conta que será un gran espectáculo digno das festas do Apóstolo. 

E todo, baixo estritas medidas de seguridade. Refórzanse os efectivos policiais e de emerxencias. E haberá restricións de acceso con mochilas e bolsos grandes á praza do Obradoiro, así como á catedral e a San Martiño Pinario. Tamén se controlará o tránsito de peóns nas rúas próximas incluídas no perímetro de seguridade.

Tamén se incrementará a vixilancia nas estradas, con controis de velocidade, alcohol e drogas. O obxectivo, reforzar a seguridade para gozar da celebración por todo o alto.

Noticias web

24/07/2019