CRTVG

Buscar

Santiago, elixida por 'Time' como un dos 100 mellores destinos do mundo este ano

Publicado o 19/08/2021 15:12

Hai mil santiagos dentro de Santiago. A cidade de pedra tamén é a cidade do verde, e pasear esa outra Compostela máis aló das antigas murallas convértese en todo un descubrimento. Un grupo de turistas de Castelló, cun 'free tour' por Bonaval, amósanse "sorprendidos" pola beleza dos parques urbanos de Compostela. "Non sabiamos que existían estas zonas verdes tan coidadas", din.

Non hai dúbida de que a catedral sempre será o lugar máis concorrido e visitado. Tanto, que turistas como Alejandra, de nove anos, e chegada desde Xaén, xa a ven en plural. "O que máis me gustou foron as catedrais", di.

Pero a revista 'Time' non só elixiu Santiago entre os tres mellores destinos españois e os cen do mundo polo seu inxente patrimonio arquitectónico. Aquí valoráronse moitas outras cousas. Así, unha peregrina canaria asoma pola rúa do Medio coa idea clara de atopar aquí "unha cidade diferente", e engade que "polo pouco que vin, xa sinto que o é". Algo que reafirma outro peregrino italiano, que vén de facer o Camiño Inglés e que resume en tres palabras as sensacións que ofrece Compostela nada máis chegar: "Paz, relaxación e espiritualidade". 

Porque atopar unha atmosfera de paz, relaxamento e espiritualidade non está ao alcance de moitas cidades. 'Time' destaca a hospitalidade dos composteláns e, nun aspecto máis mundano e menos espiritual, aplaude, igualmente, a oferta hostaleira. Os turistas aplauden o respecto polas distancias de seguridade ou o uso das máscaras, e os traballadores do sector reciben esta elección da revista 'Time' como un premio tamén para toda a cidade.

"Para os que traballamos aquí acaba sendo un premio tamén, un recoñecemento non só aos monumentos senón tamén a todos os que facemos este lugar, e para a cidadanía o mesmo", resume Naír, recepcionista nun hotel da zona histórica.

Un recoñecemento, pois, a toda a cidade, que este verán xa celebra o parecido das súas rúas e parques a tempos anteriores.

Noticias web

19/08/2021