CRTVG

Buscar

Santiago e Ourense recuperan a liberdade de movementos

Publicado o 02/12/2020 14:27

Cinco das sete cidades de Galicia manteñen as restricións de mobilidade para esta ponte, pero os perímetros levántanse en Ourense e en Santiago, que son precisamente as cidades con mellores cifras e tamén os lugares en que esas restricións levaban máis tempo en vigor.

Santiago consegue un alivio despois de dividir por cinco as cifras da covid−19. Levaba desde a terceira semana de outubro con limites ás reunións e desde hai un mes co máximo nivel de restricións. Agora chega o momento dun respiro, co levantamento do peche perimetral que lles permitirá aos composteláns saír da cidade e tamén recibir os primeiros visitantes.

Formalidade no cumprimento das normas de hixiene e distanciamento é o que se lles pide aos que visiten a cidade. Coas vistas postas no Nadal e para manter as cifras nun nivel que permita tamén conservar este alivio.

Durante o peche, á Compostela do final do Camiño chegaron pouco máis de 500 peregrinos. Os visitantes que veñan nos vindeiros días atoparán unha cidade aberta, pero a medio gas. Porque a prudencia é o que debe primar.

A mesma opinión téñena os de Ourense, que conseguiu nestes dous meses o récord de ser a capital de provincia con máis restricións da toda España. "Estamos contentos, claro. O que non nos gustaría é ter que volver confinarnos", advirten os cidadáns.

Ese é o principal temor. Así que a alegría polo peche, opinan, non é incompatible co sentido da responsabilidade e a lembranza dos que aínda se recuperan da enfermidade na casa ou no hospital. O que máis desexan na cidade das Burgas é que tanto esforzo dea resultado.

Noticias web

02/12/2020